Jaime Pablo Díaz

 

Jaime Pablo Díaz é coreógrafo e director da compañía Nova Galega de Danza. Descubriu a súa paixón sendo moi novo e sempre tivo claro que a Danza era algo vocacional nel. Pasou polo Grupo Etnográfico das Mariñas e con tan só 16 anos superou as probas para integrar o Ballet Galego Rei de Viana. Tras plena dedicación á danza tradicional, tomou así contacto coa clásica. Cursando a carreira de Danza Clásica impregnouse con influencias doutros estilos, enriquecendo a narrativa das súas coreografías con elementos de danza contemporánea e moderna. É un profesional en continua formación e experimentación, intercalando novos proxectos con docencia e xiras nacionais e internacionais.
En 2003 presentou xunto a Vicente Colomer a súa propia compañía: Nova Galega de Danza. O seu primeiro espectáculo, “Alento”, resultou finalista dos Premios MAX como Mellor Espectáculo Revelación do 2005. Seguíronlle “Engado” e “Tradicción”, renovando e enriquecendo a compañía con diferentes bailarines ao longo dunha década de producións que culminou con “Dez”. Jaime Pablo Díaz impulsou o percorrido da compañía por importantes Festivales e escenarios en Francia, China, Portugal ou Latinoamérica con boa parte dos espectáculos. En todos eles, o mestizaje, selo do coreógrafo, está presente en forma de fusión entre o tradicional e moderno.
Jaime Pablo Díaz reúne xunto ao coreógrafo Carlos Rodríguez un novo corpo de baile na súa última coprodución “Son” (estrea 27 de Maio), para propoñernos unha fusión entre flamenco e tradicional, a historia da relación entre un escultor en plena inspiración e as súas obras.